- A Fundación Barrié e o ITG Centro Tecnolóxico, impulsores da iniciativa, presentaron esta mañá o reto da 3ª LIGA MAKER DRONE ante os 180 alumnos de toda Galicia que participarán nesta nova edición.
- Durante a xornada, os estudantes recibiron formación tecnolóxica en formato de demostracións e obradoiros prácticos sobre robótica, programación, circuítos electrónicos, realidade virtual e pilotaxe de drons.
- A LIGA MAKER DRONE é a primeira competición escolar en España que propón o reto de construír e pilotar un sistema dron para solucionar un problema social actual.
- Esta edición propón o difícil reto de neutralizar niños de velutina situados a diferentes alturas de entre dous e dez metros mediante o desenvolvemento dun sistema dron. Trátase dun reto que afecta de xeito especial á comunidade galega, onde esta especie invasora causa importantes danos materiais e supón un grave perigo para as persoas.
A Coruña, 27 de outubro de 2023.- Os 180 alumnos de segundo curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) seleccionados en toda Galicia para participar na 3ª LIGA MAKER DRONE coñeceron esta mañá o reto proposto polos promotores desta iniciativa, a Fundación Barrié e o ITG Centro Tecnolóxico(ITG): neutralizar niños de velutina (ficticios) mediante o lanzamento de cápsulas de insecticida no seu interior.
A directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, e o responsable de I+D da división de drons de ITG, Jorge Seoane, inauguraron a xornada na que se revelou o reto tecnolóxico ao que os escolares se enfrontarán este curso e que poñerá a proba a súa creatividade, o seu enxeño e a súa capacidade para traballar en equipo. Os sistemas dron deseñados para resolver o reto presentaranse nunha xornada final de exhibición, que terá lugar no mes de maio.
Durante a xornada, os alumnos adentráronse no mundo da enxeñaría e as carreiras STEM a través dunha visita demostrativa ao DroneFinder, o sistema de busca e localización de desaparecidos desenvolvido por ITG e obradoiros prácticos de robótica, programación, circuítos electrónicos, realidade virtual e pilotaxe de drons.
E é que a formación tecnolóxica representa máis do 50 % da LIGA MAKER DRONE e estrutúrase en tres módulos: unha sesión de introdución á pilotaxe de drons, con formación teórico-práctica sobre a seguridade, o emprego, a montaxe e o mantemento de drons; tres sesións de formación sobre materiais e a súa fabricación, mecatrónica e sistemas avanzados; tres sesións de adestramento en voo. Ademais, os equipos contarán con dous kits dron, o soporte técnico e os recursos necesarios para desenvolver a solución ao reto proposto.
Xornada final
En maio de 2024 celebrarase a Xornada de Exhibición, na que se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo, que serán avaliadas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
- Mellor deseño:, valorarase a optimización do deseño segundo os requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
- Solución máis disrutiva: valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para a resolución do reto.
- Destreza en voo: valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
- Mellor presentación: valorarase a expresión oral, claridade e creatividade na exposición da solución ao reto.
Tanto nas roldas eliminatorias como na gran final, gañará o equipo que máis niños de velutina neutralice no tempo marcado pola organización. O equipo que se proclame gañador da LIGA MAKER DRONE obterá un trofeo e cada un dos seus integrantes recibirá unha medalla e un kit dron, mentres que os equipos gañadores das distintas categorías recibirán unha medalla e un kit de programación.
18 centros das 4 provincias
Os dezaoito centros que están a participar están distribuídos nas catro provincias galegas. Da provincia de A Coruña van participar 8 centros: CPR Liceo La Paz, de A Coruña; CPR Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela; CPR Montespiño, de Culleredo; IES Eduardo Blanco Amor, de Culleredo; CPR Plurilingüe Peñarredonda, de A Coruña; CPR Obradoiro, de A Coruña; CPR Ntra. Sra. del Carmen, de Betanzos e CPR Plurilingüe Compañía de María, de A Coruña.
Os centros que participan da provincia de Lugo son 2: IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz e IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos. De Ourense, por outra banda, repiten participación o CPR Divina Pastora e o CPR Santa María, Maristas. Por último, da provincia de Pontevedra participan 6 centros: CPR Las Acacias; CPR Plurilingüe Rosalía de Castro; IES de Teis e IES Carlos Casares, de Vigo; IES Manuel García Barros, de A Estrada; IES Plurilingüe Santiago Apóstol, de Ponteareas.
Obxectivos xerais
A través dunha experiencia participativa e estimulante, a LIGA MAKER DRONE persigue os seguintes obxectivos:
- Converter os estudantes en actores activos en aplicacións tecnolóxicas, estimulando o seu interese, creatividade e autonomía.
- Sensibilizar os alumnos sobre a relevancia da tecnoloxía, facilitando o seu uso na aula para o seu uso en asuntos da vida diaria.
- Contribuír á orientación profesional do alumnado de ESO a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
- Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa mediante o uso de novas formas participativas na aula.
- Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polos estudantes.
Unha iniciativa consolidada
A LIGA MAKER DRONE, impulsada pola Fundación Barrié e polo ITG Centro Tecnolóxico é xa unha iniciativa consolidada que, nas súas dúas primeiras edicións, colleitou un importante éxito ao congregar, nas súas xornadas de exhibición final en A Coruña, a 2500 asistentes. Dos 18 centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, os que se alzaron como equipos gañadores do torneo foron: na primeira edición, o CPR Santa María del Mar, de A Coruña e, na segunda edición da Liga, o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos, que conseguiron levar a cabo a misión no menor tempo posible.