#ligamakerdrone

Novas

A actualidade da liga

PRETO DE DOUSCENTOS ESCOLARES ENFRONTARANSE AO RETO DE APAGAR UN INCENDIO CUN DRON DESEÑADO, PROGRAMADO E PILOTADO POR ELES

10/05/2022

  • A 1ª Liga Maker Drone, promovida pola Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, é o primeiro reto educativo e tecnolóxico destas características en España.
  • Esta ambiciosa iniciativa procura promover as vocacións e capacidades STEM entre a mocidade

 A Coruña, 10 de maio de 2022. A Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) reunirán o vindeiro 20 de maio a preto de 180 estudantes de terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) dos 18 centros escolares de toda Galicia que foron seleccionados para participar na 1ª LIGA MAKER DRONE impulsada por ámbalas dúas entidades. A xornada de exhibición das solucións que os participantes estiveron a desenvolver desde o mes de febreiro de 2022 para responder ao reto da Liga, que consiste en construír e programar un dron para axudar a combater incendios, terá lugar no Coliseum de A Coruña. A LIGA MAKER DRONE é a primeira iniciativa destas características de ámbito autonómico en España e ten como fin último o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións.

Tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar un dron que sexa capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, á planta dun edificio no que haxa un incendio simulado para contribuír á súa extinción no menor tempo posible. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselle un dron, formación e orientación por parte da organización.

Xurado e premios

As demostracións das solucións deseñadas por cada equipo serán avaliadas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:

  • Premio ao equipo gañador da competición. Esta categoría resolverase en modalidade torneo, na que os equipos competirán simultaneamente para levar a cabo correctamente a misión definida no desafio no menor tempo posible.
  • Premio ao mellor deseño. Nesta categoría, valorarase a optimización do deseño segundo os requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
  • Premio á solución máis disrutiva, na que se valorará a creatividade e innovación da solución proposta para resolver o desafío.
  • Premio á habilidade en voo, onde se valorarán as habilidades de pilotaxe de drons.
  • Premio especial do público á mellor presentación segundo expresión oral, claridade e medios gráficos empregados para a exposición.

Obxectivos xerais

A través dunha experiencia participativa e estimulante, a LIGA MAKER DRONE persegue os seguintes obxectivos:

  • Converter os estudantes en actores activos en aplicacións tecnolóxicas, estimulando o seu interese, creatividade e autonomía.
  • Sensibilizar o alumnado sobre a relevancia da tecnoloxía, facilitando o seu uso na aula para o seu uso en asuntos da vida diaria.
  • Contribuír á orientación profesional do alumnado de ESO a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
  • Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa mediante o uso de novas formas participativas na aula.
  • Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polos estudantes.

LIGA MAKER DRONE (C) 2022. | AVISO LEGAL | POLÍTICA DE COOKIES | POLÍTICA DE PRIVACIDADE