- Na competición participaron 17 centros de toda Galicia
- Foi o centro que mellor resolveu o reto de deseñar, programar e voar un mecanismo para neutralizar niños de velutina (ficticios) mediante o desenvolvemento dun sistema dron
- Ademais, outros catro equipos foros galardoados. CPR Peñarredonda, de A Coruña (premio ao mellor deseño; CPR Compañía de María, de A Coruña (solución máis disrutiva); CPR Las Acacias, de Vigo, (destreza en voo); e Colexio Obradoiro, de A Coruña, (mellor presentación)
A Coruña, 16 maio de 2024. Deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para neutralizar niños de velutina. Ese foi o reto que tiveron que superar os máis de 170 estudantes participantes (un 50% deles, rapazas) da 3ª LIGA MAKER DRONE, impulsada pola Fundación Barrié e o Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG), cuxa xornada final de exhibición e Gran Final tivo lugar esta mañá en A Coruña, á que asistiron máis de 1 000 estudantes como espectadores. Dos 17 centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo foi o IES Carlos Casares, de Vigo, que conseguiu levar a cabo a misión no menor tempo. O premio foi entregado por Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié, e Carlos Calvo, director xeral de ITG.
Ademais, houbo outros catro equipos cuxa labor foi recoñecida: CPR Peñarredonda, de A Coruña, recibiu o premio ao mellor deseño; CPR Compañía de María, de A Coruña obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disrutiva; CPR Las Acacias (Vigo) conseguiu o premio á destreza en voo; e o Colexio Obradoiro, de A Coruña, o premio á mellor presentación.
Así, ao longo da mañá, os preto de 170 estudantes de terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) amosaron as competencias e habilidades STEM adquiridas ao longo do curso escolar grazas á súa participación na LIGA MAKER DRONE, unha iniciativa que ten como fin último o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións.
E é que, tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar un mecanismo de recollida de residuos, instalado nun dron, capaz de lanzar unha cápsula con insecticida ao interior dos niños de velutina (ficticios) no menor tempo posible. Para iso, a cada un dos centros se lle facilitou un dron, formación e orientación por parte da organización.
En palabras de Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, «A educación foi a pedra angular da Fundación Barrié desde os seus inicios, hai máis de medio século, e a Liga Maker Drone amosa a nosa capacidade para desenvolver proxectos adaptados aos novos tempos e ao progreso tecnolóxico, mantendo o noso compromiso co desenvolvemento de Galicia.
A final da Liga Maker Drone supón a culminación de sete meses de traballo para os estudantes, nos que puideron comprobar o tipo de retos aos que se enfrontan os enxeñeiros e as enxeñeiras no seu traballo do día a día».
Para Carlos Calvo, director xeral de ITG, «como centro tecnolóxico líder no ámbito dron, estamos moi orgullosos desta iniciativa que supón o xermolo dunha verdadeira canteira de talento tecnolóxico en Galicia, o que sen dúbida permitirá afianzar a boa posición da nosa comunidade neste ámbito fronte aos retos que enfrontaremos nas vindeiras décadas.
A Liga Maker Drone é xa unha cita consolidada a nivel educativo e social e constitúe unha inmellorable oportunidade para espertar e desenvolver vocacións tecnolóxicas entre a nosa mocidade».
Solución gañadora – IES Carlos Casares
A solución ao reto desenvolvida polo IES Carlos Casares, de Vigo, baseouse nun sistema de caleiros que se equilibran por debaixo do dron e que van disparando as cápsulas de insecticida. A presión do xiro do rodete e outras solucións técnicas foron fundamentais para o desenvolvemento técnico desta solución.
Xurado e premios
A demostracións das solucións deseñadas por cada equipo foron avaliadas por un xurado especializado formado por representantes de Airbus, Boeing, Ineco, Senasa, Crysalion Mobility, a Asociación Ellas Vuelan Alto e o corpo de Bombeiros de A Coruña, que estiveron coordinados por Analía López Fidalgo, directora da área de sensórica e sistemas aéreos non tripulados de ITG.
Obxectivos xerais
A través dunha experiencia participativa e estimulante, a LIGA MAKER DRONE persegue os seguintes obxectivos:
- Contribuír á orientación profesional dos estudantes ás carreiras STEM (das siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
- Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa que se ten dela empregando novas formas participativas na aula.
- Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.
- Potenciar entre a mocidade valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo.
17 centros das 4 provincias
Os dezasete centros que están a participar están distribuídos nas catro provincias galegas. Da provincia da Coruña van participar 8 centros: CPR Liceo La Paz, da Coruña; CPR Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela; CPR Montespiño, de Culleredo; IES Eduardo Blanco Amor, de Culleredo; CPR Plurilingüe Peñarredonda, da Coruña; CPR Obradoiro, da Coruña; CPR Ntra. Sra. del Carmen, de Betanzos e CPR Plurilingüe Compañía de María, da Coruña.
Os centros que participan da provincia de Lugo son 2: IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz e IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos. De Ourense, por outra banda, repiten participación o CPR Divina Pastora e o CPR Santa María Maristas. Por último, da provincia de Pontevedra participan 5 centros: CPR Las Acacias; CPR Plurilingüe Rosalía de Castro; IES de Teis e IES Carlos Casares, de Vigo; IES Manuel García Barros, da Estrada; IES Plurilingüe Santiago Apóstol, de Ponteareas.
Unha iniciativa consolidada
A LIGA MAKER DRONE, impulsada pola Fundación Barrié e polo ITG é xa unha iniciativa consolidada que, nas súas dúas primeiras edicións, cultivou un importante éxito ao congregar, nas súas xornadas de exhibición final na Coruña, a 2 500 asistentes. Dos centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, os que se alzaron como equipos gañadores do torneo foron: na primeira edición, o CPR Santa María del Mar, da Coruña e, na segunda edición da Liga, o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos, que conseguiron levar a cabo a misión no menor tempo.