#ligamakerdrone

Novas

A actualidade da liga

O CPR Nuestra Sra. Del Carmen gaña a 2ª Liga Maker Drone da Fundación Barrié e o ITG Centro Tecnolóxico

08/05/2023
  • O colexio de Betanzos competiu con outros 17 centros de toda Galicia
  • Foi o centro que mellor resolveu o reto de deseñar, programar e voar un sistema instalado nun dron para recoller residuos mariños e depositalos nos correspondentes colectores do lixo a bordo dun barco (simulado).

A Coruña, 5 maio de 2023. Deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para axudar a limpar os océanos. Ese foi o reto que tiveron que superar os preto de 180 estudantes participantes (un 50 % de rapazas e un 50 % de rapaces) da 2ª LIGA MAKER DRONE, impulsada pola Fundación Barrié e o ITG Centro Tecnolóxico, cuxa xornada final de exhibición tivo lugar esta mañá na Coruña, á que asistiron 1.200 estudantes como espectadores. Dos 18 centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións desenvolvidas para responder ao reto da Liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo foi o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos, que conseguiu levar a cabo a misión no menor tempo. O premio foi entregado por Pilar Romero, vicepresidenta da Fundación Barrié, e Carlos Calvo, director xeral de ITG.

Ademais, houbo outros catro equipos cuxa labor foi recoñecida: CPR Divina Pastora, de Ourense, recibiu o premio ao mellor deseño; IES Carlos Casares, de Vigo, obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disrutiva; IES de Ames (Santiago), acadou o premio á destreza en voo; e CPR Montespiño, da Coruña, o premio á mellor presentación.

Así, ao longo da mañá, os máis de 180 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) demostraron as competencias e habilidades STEM adquiridas ao longo do curso escolar grazas á súa participación na LIGA MAKER DRONE, unha iniciativa que ten como fin última o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións.

E é que, tras recibiren a formación específica impartida en cadanseus centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar un mecanismo de recollida de residuos, instalado nun dron, capaz de recoller un residuo mariño, transportalo e depositalo no seu correspondente colector de lixo a bordo dun barco (simulado) no menor tempo posible. Para iso, a cada un dos centros se lle facilitou un dron, formación e orientación por parte da organización.

En palabras de Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, «A educación foi a pedra angular da Fundación Barrié desde os seus comezos, hai máis de medio século, e a Liga Maker Drone é a mostra da nosa capacidade para desenvolver proxectos adaptados aos novos tempos e ao progreso tecnolóxico, mantendo o noso compromiso co desenvolvemento de Galicia.

Neste sentido, estamos especialmente orgullosos da Liga Maker Drone porque, por unha banda, supón unha importante achega ao noso compromiso coa educación e mais co fomento das vocacións STEM e, polo tanto, representa unha oportunidade única para espertar a conciencia social e medioambiental entre a mocidade a través da resolución do problema particular -limpar os océanos- que lles presentamos».

Para Carlos Calvo, director xeral de ITG, «a Liga Maker Drone é unha oportunidade para espertar e desenvolver vocacións tecnolóxicas. A posición de liderado do noso centro tecnolóxico no eido drone permitiunos verter o noso coñecemento no desenvolvemento desta iniciativa pioneira a nivel estatal.

Atopámonos nun bo momento porque aínda queda moito por facer neste campo, hai infinidade de solucións por imaxinar. Os alumnos que participaron sorprendéronnos coa solidez das súas solucións e do seu manexo en escena. Este é, sen dúbida, o gromo dunha xeración que despuntará, seguro, nos vindeiros anos».

Solución gañadora – CPR Nuestra Sra. Del Carmen de Betanzos

A solución ao reto desenvolvida polo colexio Nuestra Señora del Carmen de Betanzos, que na pasada edición quedou finalista, baseouse nun deseño de dron no que primou unha grande apertura dunhas «gadoupas» co obxectivo de aumentar as probabilidades de recoller o residuo.

Ademais, o equipo destacou especialmente pola súa destreza no manexo do dron á hora de resolver o reto.

Xurado e premios

As demostracións das solucións deseñadas por cada equipo foron avaliadas por un xurado especializado formado por Iván Merino, piloto de drons de carreiras profesional e campión de España; representantes da UDC; Airbus; BOEING; o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; Telespazio Ibérica e Expodrónica.

Obxectivos xerais

A través dunha experiencia participativa e estimulante, a LIGA MAKER DRONE persegue os seguintes obxectivos:

  • Contribuír á orientación profesional do alumnado cara ás carreiras STEM (das siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
  • Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa que dela se ten, mediante o uso de novas fórmulas participativas na aula.
  • Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.
  • Potenciar entre a mocidade valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo.

18 centros das 4 provincias

As catro provincias galegas estarán representadas polos 18 centros participantes:

Da provincia da Coruña participan 8 centros: CPR Liceo La Paz, da Coruña; EFAG Fonteboa, de Coristanco; CPR Montespiño, de Culleredo; IES de Ames, de Santiago de Compostela; CPR Eirís, da Coruña; IES Eduardo Pondal, de Ponteceso; CPR Ntra. Sra. del Carmen, de Betanzos; e CPR Santa María del Mar, da Coruña, gañador da primeira edición.

Os centros que participan da provincia de Lugo son 2: IES do Camiño, de Palas de Rei e IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos.

De Ourense, pola súa parte , participan o CPR Divina Pastora e o CPR Santa María, Maristas.

Por último, da provincia de Pontevedra participaron 6 centros: IES San Tomé de Freixeiro, de Pontevedra; CPR Las Acacias, de Vigo; IES Antón Losada Diéguez, da Estrada; IES de Mos; IES Carlos Casares, de Vigo e IES Escolas Proval, de Nigrán.

LIGA MAKER DRONE (C) 2022. | AVISO LEGAL | POLÍTICA DE COOKIES | POLÍTICA DE PRIVACIDADE