- O CPR Montecastelo competiu con outros 17 centros de toda Galicia
- Foi o centro que mellor resolveu o reto de deseñar, programar e voar un mecanismo para o transporte inmediato de medicinas a medios rurais ou de difícil acceso mediante o desenvolvemento dun sistema dron
- Os mozos e as mozas participantes presentaron solucións tecnolóxicas avanzadas para dar resposta a unha situación que pronto veremos na vida real: a loxística sanitaria mediante drons
- Trátase da IV edición desta iniciativa consolidada que procura fomentar as vocacións científico-técnicas entre a mocidade
A Coruña, 22 maio de 2025. Deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para o transporte inmediato de medicinas a medios rurais ou de difícil acceso. Ese foi o reto que tiveron que superar os máis de 180 estudantes participantes da IV Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e polo centro tecnolóxico ITG. A xornada final de exhibición e gran final tivo lugar esta mañá na Coruña, contando coa asistencia de máis de 1 000 estudantes como espectadores. Dos 18 centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo foi o CPR Montecastelo, de Vigo, por conseguir levar a cabo a misión no menor tempo. O premio foi entregado por Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié, e Antonio Couceiro, presidente de ITG.
Ademais, houbo outros catro equipos cuxa labor foi recoñecida: o CPR Edurdo Pondal, de Cangas, recibiu o premio ao mellor deseño; IES Fin do Camiño, de Fisterra, obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disrutiva; IES Carlos Casares, de Vigo, conseguiu o premio á destreza en voo; e o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, o premio á mellor presentación.
Así, ao longo da mañá, os preto de 180 estudantes de terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) amosaron as competencias e habilidades STEM (polas siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) adquiridas ao longo do curso escolar grazas á súa participación na Liga Maker Drone, unha iniciativa que ten como fin último o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións.
E é que, tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar unha solución dron para o transporte de medicinas a medios rurais de difícil acceso no menor tempo posible. Para iso, a cada un dos centros se lle facilitou un dron, formación e orientación por parte da organización. Nesta ocasión, os colexios participantes deberon ter en conta á hora de deseñar a súa solución a dificultade engadida de entregar diferentes tipos de medicinas a centros médicos (simulados) situados en distintas localizacións. Isto é, se requiríase que cada punto de entrega recibise un tipo de medicina concreta e, para iso, o dron, que simulaba partir desde un hospital, debía depositar a medicina idónea en cada centro médico.
Trátase de dar solución a unha situación que pronto veremos na vida real: a loxística sanitaria mediante drons. Ademais, nesta edición introducíronse dúas novidades técnicas na competición: por unha banda, o escenario no que se localizaban os puntos de entrega estaba nun plano inclinado, o que requiriu dunha maior pericia por parte dos pilotos do dron, e, por outra banda, había un incentivo para voar máis alto, xa que as «medicinas» depositadas correctamente na parte superior outorgaban máis puntos.
En palabras de Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, «a Liga Maker Drone non é só unha competición, é unha porta de entrada ao entusiasmo pola ciencia e a tecnoloxía. Esta iniciativa alíñase co noso compromiso de promover unha educación de calidade baseada no pensamento crítico e a innovación; unha educación que inspire, esperte vocacións e prepare a mocidade para os retos que marcarán o futuro. Tras catro edicións, podemos dicir que esta Liga está a cumprir ás cheas os seus obxectivos».
Para Carlos Calvo, director xeral de ITG, «un dos aspectos máis valiosos da Liga Maker Drone é que o reto ao que se enfrontaron os estudantes non é teórico, senón absolutamente real. Desde ITG estamos a desenvolver unha solución tecnolóxica con drons para mellorar a loxística sanitaria, polo que resulta moi inspirador ver como a mocidade de toda Galicia traballou enfrontándose aos mesmos desafíos que os nosos propios enxeñeiros, desde un enfoque absolutamente práctico e adaptado á súa idade. O que fai única esta competición é que non se trata dun simple exercicio académico, senón dunha verdadeira aproximación ao mundo profesional».
Solución gañadora – CPR Montecastelo
A solución ao reto desenvolvido polo colexio Montecastelo, de Vigo, baseouse nun deseño de dron con 8 compartimentos para transportar as medicinas. Empregouse un mando a distancia co que seleccionar a medicina necesaria para cada caso e incluíuse un sistema de sinais luminoso no dron para indicarlle ao piloto a distancia ao obxectivo.
Xurado
As demostracións das solucións deseñadas por cada equipo foron avaliadas por un xurado especializado formado por Marcos Araujo, xerente e director de Operacións Aéreas da Axencia Galega de Emerxencias; Antón Fernández, facultativo do Banco de Tecidos do CHUAC e director científico do Biobanco de A Coruña; Alberto Gaspar, responsable de Tecnoloxía da División de Drons na AESA; Beatriz Ventero, Global Technology Business Development Manager en Boeing; Xunqueira Ézara, enxeñeira de Sistemas Aeroespaciales e xefa de Proxectos en SENER Aeroespacial; Begoña Rojo, Business Development Executive en GMV Aerospace and Defence; e Ángel Alves, responsable de Innovación en Drons en Telefónica. Todos eles estiveron coordinados por Analía López Fidalgo, directora de Sistemas Aéreos Non Tripulados de ITG.
Obxectivos xerais
A través dunha experiencia participativa e estimulante, a Liga Maker Drone persegue os seguintes obxectivos:
- Contribuír á orientación profesional do alumnado ás carreiras de STEM a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
- Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa que se ten dela empregando novas formas participativas na aula.
- Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.
- Potenciar entre a mocidade valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo.
18 centros das catro provincias
Os 18 centros que están a participar están distribuídos nas catro provincias galegas. Da provincia da Coruña van participar oito centros: CPR Plurilingüe Compañía de María, CPR Liceo La Paz, CPR Obradoiro e CPR Plurilingüe Peñarredonda, da Coruña; CPR Ntra. Sra. del Carmen, de Betanzos; IES Eduardo Blanco Amor, de Culleredo; CPR San José de Cluny, de Santiago de Compostela; e o IES Fin do Camiño, de Fisterra.
Os centros que participan da provincia de Lugo son tres: IES Ánxel Fole, de Lugo, IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos e IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz. De Ourense, por outra banda, repiten participación o CPR Divina Pastora e o CPR Santa María Maristas. Por último, da provincia de Pontevedra participan cinco centros: CPR Las Acacias; CPR Montecastelo e IES Carlos Casares, de Vigo; IES Eduardo Pondal, de Cangas; e IES Manuel García Barros, da Estrada.
Tres destes centros (CPR Nª Sra. Del Carmen, de Betanzos; CPR Liceo La Paz, de A Coruña; e o IES Francisco Daviña Rey, de Monforte) obtiveron praza para participar na gran final de todas as edicións da Liga Maker Drone. E sete dos colexios lograron algún dos premios que outorga a organización.
Unha iniciativa consolidada
A Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e polo ITG é xa unha iniciativa consolidada que, nas súas tres primeiras edicións, cultivou un importante éxito ao congregar, nas súas xornadas de exhibición final na Coruña, a máis de 3 500 asistentes. Dos centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, os que se alzaron como equipos gañadores do torneo foron: na primeira edición, o CPR Santa María del Mar, da Coruña; na segunda edición da Liga, o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos; e, na terceira edición, o IES Carlos Casares, de Vigo, que conseguiron levar a cabo a misión no menor tempo.
Sobre a Fundación Barrié
A Fundación Barrié é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1966 polo empresario e mecenas Pedro Barrié de la Maza. O seu obxectivo é traballar ao servizo do desenvolvemento de Galicia desde unha perspectiva global, labor que leva a cabo con raíces galegas e alcance nacional e internacional nos eidos da educación, a investigación, a cultura e o patrimonio e a acción social. www.fundacionbarrie.org
Sobre o ITG
ITG é un Centro Tecnolóxico Nacional de referencia en tecnoloxías diferenciais para a Industria 4.0, mobilidade autónoma, enerxía intelixente e cidades sostibles. Constituído en 1991 na Coruña, conta co recoñecemento de excelencia Cervera en Intelixencia Artificial, en transición enerxética e en mobilidade intelixente e o seu director xeral presidiu entre 2015 e 2022 a Federación Española de Centros Tecnolóxicos (FEDIT), que representa a 47 centros e 30 000 empresas cliente.www.itg.es