#ligamakerdrone

Novas

A actualidade da liga

O COLEXIO SANTA MARÍA DEL MAR DE A CORUÑA GAÑA A 1ª LIGA MAKER DRONE DA FUNDACIÓN BARRIÉ E O ITG CENTRO TECNOLÓXICO

20/05/2022
  • Foi o centro que mellor resolveu o reto de deseñar, programar e voar un dron para axudar a combater un incendio.
  • Na competición participaron 18 centros de toda Galicia.

A Coruña, 20 maio de 2022.  Deseñar, programar e voar un dron para axudar a apagar un incendio nun edificio. Ese foi o reto que tiveron que superar os preto de 180 estudantes participantes da 1ª LIGA MAKER DRONE, impulsada pola Fundación Barrié e o ITG Centro Tecnolóxico, cuxa xornada final de exhibición tivo lugar esta mañá en A Coruña, á que asistiron 1 200 estudantes como espectadores. Dos 18 centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo foi o CPR Santa María del Mar, de A Coruña, que conseguiu levar a cabo a misión no menor tempo. O premio foi entregado por Carmen Arias Romero, directora da Fundación Barrié, e Carlos Calvo, director xeral de ITG.

Ademais, houbo outros catro equipos cuxa labor foi recoñecida: CPR Plurilingüe Salesiano San Juan Bosco, de A Coruña, recibiu o premio ao mellor deseño, que foi entregado por Fernando Guldrís, director xeral do IGAPE; CPR Plurilingüe Montecastelo, de Vigo, obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disrutiva, premio entregado por Gabriel Alonso, vicepresidente de Vendas en AIRBUS España; CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos, conseguiu o premio á destreza en voo, entregado por Victoria González, do departamento de Desenvolvemento de Negocio de Drons de Enaire; e IES da Illa de Arousa, o premio especial do público á mellor presentación, que foi entregado por Juan Ignacio Borrego Vázquez. Primeiro Tenente de Alcadesa e concelleira de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá.

Así, ao longo da mañá, os preto de 180 estudantes de terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) amosaron as competencias e habilidades STEM adquiridas ao longo do curso escolar grazas á súa participación na LIGA MAKER DRONE, unha iniciativa que ten como fin último o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións.

Tras recibiren a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar un dron que sexa capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, á planta dun edificio no que haxa un incendio simulado para contribuír á súa extinción no menor tempo posible. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselle un dron, formación e orientación por parte da organización.

En palabras de Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, «Estamos especialmente orgullosos desta iniciativa que asocia educación e tecnoloxía: a 1ª Liga Maker Drone constitúe un proxecto de pegada social en Galicia. Esta aventura, na que nos afanamos, enmárcase nas nosas accións sociais e crea futuro na comunidade mediante o fomento de habilidades como o traballo en equipo e a xestión de tarefas complexas».

Pola súa banda, Carlos Calvo, director xeral de ITG, afirmou que «a Liga Maker Drone é unha oportunidade para espertar e desenvolver vocacións tecnolóxicas. Atopámonos nun bo momento porque aínda queda moito por facer neste campo, hai infinidade de solucións por imaxinar. Os alumnos que participaron sorprendéronnos coa solidez das súas solucións e do seu manexo en escena. Este é, sen dúbida, o gromo dunha xeración que despuntará, seguro, nos vindeiros anos».

Solución gañadora – CPR Santa María del Mar

A solución ao reto desenvolvido polo CPR Santa María del Mar, de A Coruña, consistiu na incorporación dun tanque de auga ao dron ao que estaba conectado un tubo. Mediante un mando, podían activar e desactivar o fluxo de auga.

Ademais, para axudar a que o piloto fose máis preciso, puxeron en marcha dous sistemas. Por unha banda, cun láser calibrado podían marcar o punto de impacto e, por outra, cunha cámara coa que podían regular a distancia ao obxectivo.

Por último, conectaron o dron a unha mangueira que permitía poder encher o depósito no caso de necesidade. Así mesmo, o dron podía ter máis capacidade suxeitando menos peso.

Xurado e premios

As demostracións das solucións deseñadas por cada equipo foron avaliadas por un xurado especializado formado por Iván Merino, piloto de drons de carreiras profesional e campión de España; José Ignacio Vidal, especialista en computación científica en BOEING; Marcos Ortega, director da Cátedra en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas ITG-CITIC da UDC; Livia Castro, xornalista especializada en drons en Infodron.es; e Juan Maceiras, bombeiro da Asociación Sociocultural Bombeiros de Galicia.

Obxectivos xerais

A través dunha experiencia participativa e estimulante, a LIGA MAKER DRONE persegue os seguintes obxectivos:

  • Converter os estudantes en actores activos en aplicacións tecnolóxicas, estimulando o seu interese, creatividade e autonomía.
  • Sensibilizar o alumnado sobre a relevancia da tecnoloxía, facilitando o seu uso na aula para o seu uso en asuntos da vida diaria.
  • Contribuír á orientación profesional do alumnado de ESO a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
  • Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa mediante o uso de novas formas participativas na aula.
  • Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polos estudantes.

18 centros das 4 provincias

Os dezaoito centros participantes están distribuídos nas catro provincias galegas.

Da provincia de A Coruña participaron nove centros: CPR Plurilingüe Montespiño (A Coruña), CPR Nuestra Señora del Carmen (Betanzos), IES Fin do Camiño (Fisterra), CPR Manuel Peleteiro (Santiago), CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (A Coruña), CPR Plurilingüe Salesiano San Juan Bosco (A Coruña), IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago) e CPR Santa María del Mar (A Coruña).

Os centros que participaron da provincia de Lugo son tres: IES Ánxel Fole (Lugo), IES Francisco Daviña Rey (Monforte) e CPI Dr. López Suárez (O Saviñao, Escairón, Lugo).

De Ourense, pola súa banda, participou o CPR Plurilingüe Santa María – Maristas.

Por último, da provincia de Pontevedra participaron cinco centros: CPR Plurilingüe Montecastelo (Vigo), IES da Illa de Arousa, CPR Eduardo Pondal (Cangas), CPR Santiago Apostol Soutomaior (Pontevedra) e IES de Teis (Vigo).

LIGA MAKER DRONE (C) 2022. | AVISO LEGAL | POLÍTICA DE COOKIES | POLÍTICA DE PRIVACIDADE