#ligamakerdrone

Novas

A actualidade da liga

DRONS PARA ANTICIPARSE AOS VOLCÁNS: A VI LIGA MAKER DRONE DESAFÍA A 180 ESTUDANTES GALEGOS A PROTEXER A POBOACIÓN ANTE UNHA ERUPCIÓN

16/10/2026
  • A Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG, impulsores desta iniciativa tecnolóxico-educativa, presentan o novo desafío aos 18 equipos de 2.º da ESO de toda Galicia que participan na competición
  • Os estudantes deberán deseñar, programar e pilotar un sistema dron capaz de vixiar un volcán, detectar sinais de erupción e enviar unha alerta para activar os mecanismos de resposta 
  • A gran final da competición celebrarase o 27 de maio de 2027

A Coruña, 15 de outubro de 2026. A Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG presentaron hoxe o desafío ao que terán que enfrontarse os participantes da VI Liga Maker Drone: deseñar, programar e pilotar un sistema dron capaz de vixiar un volcán, detectar sinais dunha posible erupción e enviar unha alerta para poñer en marcha os mecanismos de resposta e protexer a poboación.

Co lema «Drons para anticiparse aos volcáns», os cerca de 180 estudantes de 2.º da ESO integrados en 18 equipos de centros educativos de toda Galicia deberán resolver unha misión na que a tecnoloxía pode marcar a diferenza entre detectar unha emerxencia a tempo ou reaccionar cando o perigo xa se estendeu. O desafío porase en práctica na gran final, onde os equipos terán que enfrontarse a un escenario que simulará un volcán e poñer a proba o sistema de dron que deseñasen e programasen.

Neste contexto, o dron deseñado por cada equipo deberá sobrevoar a zona e vixiar posibles sinais de actividade volcánica. Cando detecte indicios dunha erupción, terá que enviar unha alerta de perigo de erupción á central, co obxectivo de activar os diferentes mecanismos de resposta ante a emerxencia. Desta forma, os equipos terán que materializar nunha única solución as súas capacidades de deseño, programación e pilotaxe para completar a misión e gañar o recurso máis valioso nunha situación de emerxencia: o tempo de reacción.

A responsable da área de Educación e Ciencia da Fundación Barrié, Helena Bouza, e o responsable de I+D da división de drons do ITG, Jorge Seoane, foron os encargados de desvelar o desafío e dar a benvida aos participantes na xornada celebrada esta mañá no Centro de Experimentación Avanzada de ITG. 

Un desafío inspirado nunha ameaza real

Durante séculos, as erupcións volcánicas sepultaron aldeas e cidades sen apenas marxe de reacción. O Vesubio no ano 79, o Tambora en 1815 ou o Nevado del Ruiz en 1985 son algúns exemplos de grandes erupcións que mostran o impacto deste fenómeno natural. Máis recentemente, a erupción do volcán de La Palma, en 2021, puxo de manifesto que o risco volcánico tamén forma parte da nosa realidade. Milleiros de persoas tiveron que ser evacuadas e vivendas, cultivos e infraestruturas quedaron afectados pola lava.

A VI Liga Maker Drone propón abordar este desafío desde a tecnoloxía. Os drons permiten acceder a zonas perigosas sen expoñer as persoas, obter información en tempo real e actuar con rapidez, capacidades especialmente relevantes para a vixilancia volcánica e a xestión de emerxencias.

A resolución de problemas con impacto social mediante o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas é o fío condutor dos desafíos que a Liga Maker Drone propuxo desde a súa primeira edición. En anteriores convocatorias, os equipos tiveron que recoller lixo marítimo, apagar incendios, neutralizar niños de avespas velutinas, transportar medicamentos a centros sanitarios situados en zonas de difícil acceso e realizar traballos de mantemento en altura para minimizar o risco de accidentes laborais.

Sete meses para desenvolver a solución

Os participantes terán por diante case sete meses para poñer a proba o seu enxeño e capacidade de traballo en equipo no desenvolvemento dun sistema de dron que dea resposta ao desafío proposto. As solucións terán que enfrontarse ás diferentes probas da competición ata chegar á gran final, que se celebrará o 27 de maio de 2027.

Na pasada edición, as solucións foron avaliadas nunha xornada de exhibición celebrada no Coliseum da Coruña, onde o equipo gañador foi o que conseguiu completar o desafío no menor tempo. Alén diso, o xurado outorgou catro premios especiais ao mellor deseño, á solución máis rupturista, á destreza en voo e á mellor presentación.

Formación en tecnoloxía

A Liga Maker Drone é unha iniciativa coa que o centro tecnolóxico ITG e a Fundación Barrié pretenden fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a xente nova e facer que tomen consciencia da relevancia da tecnoloxía en aplicacións da vida diaria.

A formación tecnolóxica representa cerca do 50 % desta actividade, con sesións teórico-prácticas sobre seguridade e uso de drons, materiais e fabricación, mecatrónica, sistemas avanzados e adestramento en voo, entre outras materias. A organización tamén proporciona aos equipos os recursos materiais necesarios para construír o seu sistema de dron.

Durante os próximos meses, os estudantes terán que aplicar estes coñecementos para deseñar e desenvolver as súas propias solucións, combinando tecnoloxía, creatividade e traballo en equipo para enfrontarse a un escenario de emerxencia no que a anticipación pode marcar a diferenza.

Centros participantes na VI Liga Maker Drone

Os 18 centros seleccionados proveñen das catro provincias galegas. Da provincia de Pontevedra participan o CPR Rosalía de Castro e o CPR Compañía de María, de Vigo; o CPR Ángel de la Guarda, de Nigrán; o CPR Eduardo Pondal, de Cangas.

Os centros que participan da provincia de Lugo son catro: CPR Divina Pastora, de Lugo; IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos; CPI Dr. López Suárez, de O Saviñao; e o CPI Castroverde. De Ourense, pola súa banda, participan o CPR Franciscanas, CPR Santa María – Maristas e CPR María Auxiliadora – Salesianos. 

Para rematar, da provincia da Coruña van participar sete centros: CPR San José de Cluny, de Santiago de Compostela; CPR Montespiño, de Culleredo; CPR Peñarredonda; CPR Compañía de María; IES de Elviña, da Coruña; IES de Ortigueira; e IES Isaac Díaz Pardo, de Sada.

LIGA MAKER DRONE (C) 2026. | AVISO LEGAL | POLÍTICA DE COOKIES | POLÍTICA DE PRIVACIDADE

Resumo de privacidade
Liga Maker Drone

Esta web emprega cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender as seccións da web que che resultan máis interesantes e útiles.

Cookies estritamente necesarias

As cookies estritamente necesarias teñen que activarse sempre para que poidamos gardas as túas preferencias de axustes de cookies.

 

Cookies de terceiros

Esta web emprega Google Analytics para recompilar información anónima, como o número de visitantes do sitio ou as páxinas máis populares.

Deixar esta cookie activa permítenos mellorar a nosa web.