#ligamakerdrone

Novas

A actualidade da liga

O CPR PLURILINGÜE MONTECASTELO GAÑA, POR SEGUNDO ANO CONSECUTIVO, A LIGA MAKER DRONE DA FUNDACIÓN BARRIÉ E O CENTRO TECNOLÓXICO ITG

11/05/2026
  • Foi o que mellor resolveu o reto de deseñar, programar e voar un sistema dron orientado a realizar tarefas de mantemento en altura, fronte aos outros 16 centros de toda Galicia
  • O obxectivo é afrontar unha problemática social de grande impacto: os accidentes laborais en traballos en altura, que ascenderon a máis de 27 000 en 2024 en España
  • O equipo gañador gozará dunha exclusiva visita ao Centro de Control de Área Terminal de Santiago de Compostela, grazas á colaboración de ENAIRE
  • Trátase da V edición desta iniciativa que procura fomentar as vocacións científico-técnicas entre a mocidade 

A Coruña, 8 maio de 2026.  Deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para realizar tarefas de mantemento en altura e previr así accidentes laborais. Ese foi o reto que tiveron que superar os máis de 170 estudantes participantes da V Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e polo centro tecnolóxico ITG. Para simulalo, e por primeira vez na historia da Liga, os escolares enfrontáronse a un escenario en movemento, consistente nun aeroxerador de 10 metros de altura sobre o que deberon proxectar un líquido en catro puntos sinalados, ademais de atravesar a súas aspas para realizar tres recollidas de material.

Dos 17 centros escolares das catro provincias galegas que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo, por segundo ano consecutivo, foi o CPR Plurilingüe Montecastelo de Vigo, por conseguir levar a cabo a misión no menor tempo. O premio foi entregado por Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié, e Antonio Couceiro, director xeral de ITG.

A colaboración especial nesta edición de ENAIRE, o xestor da navegación aérea en España, permitirá que o equipo gañador goce dunha exclusiva visita ao Centro de Control de Área Terminal de Santiago de Compostela. Durante esta experiencia, os estudantes coñecerán de primeira mano o funcionamento do sistema de xestión do tráfico aéreo e o papel que desempeñan as infraestruturas e os profesionais que garanten a seguridade e eficiencia do espazo aéreo.

Ademais, houbo outros catro equipos cuxa labor foi recoñecida: o IES Franscisco Daviña Rey de Monforte de Lemos recibiu o premio ao mellor deseño; o CPR Las Acacias de Vigo obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disruptiva; o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña) conseguiu o premio á destreza en voo; e o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo), o premio á mellor presentación.

A xornada final de exhibición tivo lugar esta mañá no Coliseum da Coruña, contando coa asistencia de máis de 1 000 membros da comunidade educativa como espectadores. Así, ao longo da mañá, os preto de 170 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) amosaron as competencias e habilidades STEM (polas siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) adquiridas ao longo do curso escolar grazas á súa participación na Liga Maker Drone, unha iniciativa que ten como fin último o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas das novas xeracións.

E é que, tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, os equipos participantes tiveron que idear, deseñar e programar unha solución dron capaz de realizar traballos en altura. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselle un dron, formación e orientación por parte da organización. Ademais, por primeira vez nas cinco edicións da Liga, os colexios participantes deberon ter en conta, á hora de deseñar a súa solución, a dificultade engadida de que o escenario do reto, de 30 metros de ancho por 10 metros de altura, contase con elementos móbiles.

Outra novidade da competición desta edición foi que os sistemas dron de cada equipo deberon realizar unha dobre función. En primeiro lugar, proxectar un líquido en catro zonas do escenario (simulando pintura ou unha capa protectora na estrutura) e, posteriormente, recoller tres caixas de ferramentas na parte máis alta do escenario para depositalas, unha a unha, nun contedor situado no chan. 

Trátase dunha aplicación real da tecnoloxía enfocada á prevención de accidentes laborais, especialmente aqueles derivados de caídas, que representan unha porcentaxe significativa dos sinistros máis graves. De feito, só en España, en 2024 producíronse máis de 27 000 accidentes laborais asociados a traballos en altura.

En palabras de Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, «A V edición da Liga Maker Drone confirma o enorme potencial que ten a tecnoloxía cando se pon ao servizo da aprendizaxe. A través desta experiencia, os estudantes non só compiten: experimentan, colaboran, resolven problemas e descobren novas formas de aplicar a tecnoloxía a retos reais. Ese é precisamente o tipo de educación que queremos impulsar: unha educación que motive, que abra camiños e que prepare a mocidade para construír o futuro con creatividade e criterio». 

Para Carlos Calvo Orosa, director xeral de ITG, «a Liga Maker Drone proponlle aos estudantes un reto real de grande impacto social e permítelles traballar dun xeito moi similar a como o fan os enxeñeiros de ITG: deseñando e poñendo en práctica solucións tecnolóxicas. Este enfoque fomenta as vocacións STEM e amosa o talento e a capacidade da mocidade para afrontar desafíos complexos desde unha perspectiva práctica». 

Solución gañadora – CPR Plurilingüe Montecastelo

Presenta un dron autónomo para limpeza de aspas de aeroxeradores mediante pulverización de auga. O sistema integra un depósito intercambiable, minibomba de corrente continua, tubo de condución e boquilla direccional, controlados por un microcontrolador ESP32 con comunicación ESP-NOW. A innovación principal radica no mecanismo de agarre motorizado con dous motorredutores, substituíndo o sistema orixinal de suxeición manual, o que mellora a robustez, precisión e estabilidade operativa. Adicionalmente, incorpora sensores TOF para medición de distancia, sinalización LED e cámara WiFi para supervisión en tempo real, optimizando a maniobrabilidade e seguridade do piloto.

Xurado especializado

As demostracións das solucións deseñadas por cada equipo foron avaliadas por un xurado especializado formado por Alberto Gaspar, responsable de Tecnoloxía da División de Drons na Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA); César Antonio Nava, Innovation Project Manager en Aena; Nicolás Torralba, responsable de Tecnoloxías e Innovación para España en Airbus Helicopters; Elisa Heras, SVP de Next Generation Mobility en Iridium; Gustavo Álvarez, coordinador de S.I. da Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Xunta de Galicia; e Alberto Gómez,  sarxento primeiro da Oficina de Seguridade Física da Armada (OSEFA). Ademais, Guillermo Carracedo, recoñecido creador de contido en redes sociais, axudou a avaliar a exposición oral dos equipos. 

Obxectivos xerais

A través dunha experiencia participativa e estimulante, a Liga Maker Drone persegue os seguintes obxectivos:

  • Contribuír á orientación profesional do alumnado ás carreiras de STEM a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
  • Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa que se ten dela empregando novas formas participativas na aula.
  • Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.
  • Potenciar entre a mocidade valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo.

17 centros das catro provincias

Os 17 centros seleccionados proveñen das catro provincias galegas. Da provincia da Coruña, o CPR Cristo Rey, da Coruña; o CPR Montespiño, de Culleredo; e o IES Isaac Díaz Pardo, de Sada, cuxo alumnado poñerá a proba as solucións tecnolóxicas que desenvolveron durante os últimos meses. Da provincia de Pontevedra participan o CPR Las Acacias, CPR Montecastelo e IES Carlos Casares, de Vigo; o CPR Ángel de la Guarda, de Nigrán; o CPR Eduardo Pondal, de Cangas; e o IES Ría de Arousa. Da provincia de Lugo compiten o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz; o IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos; e o CPI Castroverde. Pola parte da provincia de Ourense participan o CPR Santa María – Maristas, o CPR Divina Pastora e o CPR María Auxiliadora – Salesianos. 

Unha iniciativa consolidada

A Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e polo centro tecnolóxico ITG, é xa unha iniciativa consolidada que, nas súas catro primeiras edicións, cultivou un importante éxito ao congregar nas súas xornadas de exhibición final na Coruña a máis de 4 500 asistentes. Dos centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, alzáronse como equipos gañadores do torneo, na primeira edición, o CPR Santa María del Mar, da Coruña; na segunda edición, o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos; na terceira, o IES Carlos Casares, de Vigo; e, na edición de 2025, o CPR Montecastelo, de Vigo.

Sobre a Fundación Barrié

A Fundación Barrié é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1966 polo empresario e mecenas Pedro Barrié de la Maza.  O seu obxectivo é traballar ao servizo do desenvolvemento de Galicia desde unha perspectiva global, labor que leva a cabo con raíces galegas e alcance nacional e internacional nos eidos da educación, a investigación, a cultura e o patrimonio e a acción social. www.fundacionbarrie.org

Sobre o ITG 

ITG é un Centro Tecnolóxico Nacional de referencia en tecnoloxías diferenciais para a Industria 4.0, mobilidade autónoma, enerxía intelixente e cidades sostibles. Constituído en 1991 na Coruña, conta co recoñecemento de excelencia Cervera en Intelixencia Artificial, en transición enerxética e en mobilidade intelixente e o seu director xeral presidiu entre 2015 e 2022 a Federación Española de Centros Tecnolóxicos (FEDIT), que representa a 47 centros e 30 000 empresas cliente.www.itg.es 

LIGA MAKER DRONE (C) 2022. | AVISO LEGAL | POLÍTICA DE COOKIES | POLÍTICA DE PRIVACIDADE