#ligamakerdrone

Novas

A actualidade da liga

MINIMIZAR ACCIDENTES LABORAIS EN TRABALLOS EN ALTURA: O RETO DOS PARTICIPANTES DA V LIGA MAKER DRONE

31/10/2025
  • A Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG, impulsores desta iniciativa tecnolóxico-educativa, presentaron hoxe o reto aos preto de 180 alumnos de 2º de ESO que participan na competición.
  • Esta edición pon o foco sobre unha problemática social con grande impacto: os accidentes laborais durante a execución de traballos en altura, que ascenderon a máis de 27 000 en 2024 só en España.
  • Durante a xornada, o alumnado recibiu formación tecnolóxica a través de demostracións e obradoiros prácticos sobre robótica, programación, circuítos electrónicos, realidade virtual e pilotaxe de drons.

A Coruña, 30 de outubro de 2025. A Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG presentaron esta mañá o reto ao que se terán que enfrontar os participantes da V Liga Maker Drone: deseñar e construír un sistema dron para levar a cabo tarefas de mantemento en altura que supoñen un risco para a vida das persoas. Así, os preto de 180 estudantes de 2º de ESO de toda Galicia que participan nesta iniciativa abordarán unha problemática social real e de grande impacto: a prevención de accidentes laborais por caídas de altura. Segundo a Estatística de Accidentes de Traballo (EAT) do Ministerio de Traballo e Economía Social, este tipo de sucesos ascenderon a máis de 27 000 en 2024 só en España, deixando case 80 falecidos e representando case un 20% dos accidentes de traballo graves no noso país.

A resolución de problemas con impacto social mediante o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas é o fío condutor dos retos que a Liga Maker Drone lle propuxo aos participantes desde a súa primeira edición. O curso pasado, o desafío consistiu en transportar medicamentos a centros sanitarios localizados en zonas de difícil acceso; o ano anterior, o obxectivo foi neutralizar niños de avespa velutina; e, nas dúas primeiras edicións, os equipos tiveron que recoller lixo marítimo e apagar incendios, respectivamente. 

A responsable da área de Educación e Ciencia da Fundación Barrié, Helena Bouza, e o responsable de I+D da división de drons de ITG, Jorge Seoane, foron os encargados de desvelar o reto e darlle a benvida aos 18 equipos na xornada celebrada esta mañá no laboratorio de experimentación avanzada de ITG. No evento interviñeron tamén dous representantes do equipo Pegaso, a unidade da Garda Civil encargada de velar pola seguridade operacional do espazo aéreo.

Ademais, durante a mañá, o alumnado tomou contacto co mundo da enxeñaría e as profesións STEM participando en obradoiros prácticos de robótica, programación, circuítos electrónicos, realidade virtual e pilotaxe de drons, así como nunha demostración do DroneFinder, o sistema de busca e localización de persoas desaparecidas desenvolvido polo centro tecnolóxico ITG. 

Unha final de altura

Os participantes teñen case 7 meses por diante para poñer a proba o seu enxeño e a súa capacidade de traballo en equipo no desenvolvemento dun sistema dron que dea resposta ao reto proposto hoxe. As solucións serán avaliadas por un xurado experto na xornada de exhibición que se celebrará o 8 de maio de 2026 no Coliseum da Coruña. Esta cita afiánzase ano tras ano como un dos eventos de referencia para a comunidade educativa galega e ten congregado ao longo das súas catro edicións a máis de 4 000 asistentes.

Tanto nas roldas eliminatorias como na rolda final, gañará o equipo que logre completar o reto no menor tempo posible. O xurado tamén outorgará, como vén sendo habitual, catro premios especiais: ao mellor deseño, á solución máis disruptiva, á destreza en voo e á mellor presentación. 

Formación en tecnoloxía

A Liga Maker Drone é unha iniciativa coa que o centro tecnolóxico ITG e a Fundación Barrié pretenden fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade e facer que tomen conciencia da relevancia da tecnoloxía en aplicacións da vida diaria. Na última edición, a porcentaxe de alumnos interesados en orientar o seu futuro a disciplinas STEM pasou do 48 % ao 62 % tras a súa participación na competición. 

A formación tecnolóxica representa cerca do 50 % desta actividade, con sesións teórico-prácticas sobre seguridade e uso de drons, materiais e fabricación, mecatrónica, sistemas avanzados e adestramento en voo, entre outras. A organización tamén lle achega aos equipos os recursos materiais necesarios para construír o seu sistema dron.

Centros participantes na V Liga Maker Drone

Os 18 centros seleccionados proveñen das catro provincias galegas. Da provincia de Pontevedra participan o CPR Las Acacias, CPR Montecastelo e IES Carlos Casares, de Vigo; o CPR Ángel de la Guarda, de Nigrán; o CPR Eduardo Pondal, de Cangas; e o IES Ría de Arousa.

Os centros que participan da provincia de Lugo son tres: IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz; IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos; e o CPI Castroverde. De Ourense, pola súa banda, participan o CPR Santa María – Maristas, o CPR Divina Pastora e CPR María Auxiliadora – Salesianos.

Por último, da provincia da Coruña van participar seis centros: CPR San José de Cluny, de Santiago de Compostela; IES Fin do Camiño, de Fisterra; CPR Montespiño, de Culleredo; CPR Cristo Rey, da Coruña; EFAG Fonteboa, de Coristanco; e IES Isaac Díaz Pardo, de Sada.

Sobre a Fundación Barrié

A Fundación Barrié é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1966 polo empresario e mecenas Pedro Barrié de la Maza. O seu obxectivo é traballar ao servizo do desenvolvemento de Galicia desde unha perspectiva global, labor que leva a cabo con raíces galegas e alcance nacional e internacional nos eidos da educación, a investigación, a cultura e o patrimonio e a acción social. www.fundacionbarrie.org

Sobre o ITG

ITG (A Coruña, 1991) é un Centro Tecnolóxico privado e oficialmente recoñecido, especializado en achegar I+D e tecnoloxía diferencial no ámbito da industria 4.0, a xestión intelixente da enerxía, a dixitalización da auga e a mobilidade aérea non tripulada. Conta co recoñecemento de excelencia investigadora Cervera en tecnoloxías clave como a Intelixencia Artificial e a computación cuántica e é un dos cinco organismos certificadores no mundo do selo internacional BREEAM® de construción sostible. Ademais, forma parte do consello reitor da Federación Española de Centros Tecnolóxicos (FEDIT) desde o ano 2010 e o seu director xeral asumiu de 2015 a 2022 a presidencia dos 52 centros tecnolóxicos asociados. www.itg.es

LIGA MAKER DRONE (C) 2022. | AVISO LEGAL | POLÍTICA DE COOKIES | POLÍTICA DE PRIVACIDADE

Resumo de privacidade
Liga Maker Drone

Esta web emprega cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender as seccións da web que che resultan máis interesantes e útiles.

Cookies estritamente necesarias

As cookies estritamente necesarias teñen que activarse sempre para que poidamos gardas as túas preferencias de axustes de cookies.

 

Cookies de terceiros

Esta web emprega Google Analytics para recompilar información anónima, como o número de visitantes do sitio ou as páxinas máis populares.

Deixar esta cookie activa permítenos mellorar a nosa web.