- A Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG, impulsores da iniciativa, presentaron esta mañá o reto da IV Maker Drone League aos 180 alumnos de toda Galicia que participarán nesta nova edición.
- Durante a xornada, os estudantes recibiron formación tecnolóxica en formato de demostracións e obradoiros prácticos de robótica, programación, circuítos electrónicos, realidade virtual e pilotaxe de drons.
- Esta edición plantexa como reto dar solución a unha situación que pronto veremos na vida real: o transporte inmediato de medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso mediante un sistema dron.
A Coruña, 30 de outubro de 2024. Os 180 alumnos de segundo curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) seleccionados en toda Galicia para participar na IV Liga Maker Drone, coñeceron esta mañá o reto plantexado polos promotores desta iniciativa, Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG: o desenvolvemento dunha solución de dron que permite o transporte inmediato de medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso. No deseño da solución, os colexios participantes deberán ter en conta que o dron deberá poder entregar distintos tipos de medicamentos a centros médicos (simulados) situados en distintos lugares. É dicir, cada punto de entrega debe recibir o tipo específico de medicamento que precisa e, para iso, o dron, que simulará partir dun hospital, deberá depositar o medicamento ideal en cada centro médico.
Trátase de dar solución a unha situación que pronto veremos na vida real: a loxística sanitaria mediante drons. Ademais, nesta edición, a IV Liga Maker Drone introduce dúas novidades técnicas para os participantes: por unha banda, o escenario no que se situarán os puntos de entrega será nun plano inclinado, o que requirirá unha maior pericia por parte dos pilotos do dron, e, por outra banda, haberá un incentivo para voar máis alto, xa que os “medicamentos” colocados correctamente na parte superior outorgarán máis puntos.
A directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, e o responsable de I+D da división de drons de ITG, Jorge Seoane, inauguraron a xornada na que se revelou o reto tecnolóxico ao que se enfrontarán os escolares este ano e que poñerá a proba a súa creatividade, enxeño e capacidade para traballar en equipo. Os sistemas dron deseñados para resolver o reto presentaranse nunha última xornada de exhibición, que terá lugar no mes de maio.
Durante a xornada, que tivo lugar no Galaxy Lab de ITG, o seu centro de experimentación avanzada en Intelixencia Artificial, os alumnos adentráronse no mundo da enxeñería e das carreiras STEM, a través dunha demostración de DroneFinder, o sistema de busca e localización de persoas desaparecidas desenvolvido por ITG e obradoiros prácticos de robótica, programación, circuítos electrónicos, realidade virtual e pilotaxe de drons.
A formación tecnolóxica representa máis do 50% da Liga Maker Drone e estrutúrase en tres módulos: unha sesión de iniciación ao pilotaxe de drons, con formación teórico-práctica sobre seguridade, uso, montaxe e mantemento de drons; tres sesións formativas sobre materiais e a súa fabricación, mecatrónica e sistemas avanzados; e tres sesións de adestramento en voo. Ademais, os equipos contarán con dous kits de drons, o soporte técnico e os recursos necesarios para desenvolver a solución ao reto que se plantexa.
Xornada final
En maio de 2025 celebrarase a Xornada da Exhibición, na que se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo, que serán avaliadas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
- Mellor deseño: valorarase a optimización do deseño, en función dos requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
- Solución máis disruptiva: valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para resolver o reto.
- Destreza en voo: valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
- Mellor presentación: valorarase a expresión oral, claridade e creatividade na presentación da solución ao reto.
Tanto nas roldas eliminatorias como na gran final, ganará o equipo que consiga depositar o maior número de medicamentos no prazo marcado pola organización. Estes puntos de entrega simularanse en tres escenarios idénticos cunha altura de dez metros de altura. O equipo ganador da Liga Maker Drone recibirá un trofeo e cada un dos seus integrantes recibirá unha medalla e un agasallo tecnolóxico, mentres que os equipos ganadores das distintas categorías recibirán unha medalla e un agasallo tamén tecnolóxico.
18 centros das catro provincias
Os 18 centros que están a participar repártense polas catro provincias galegas. Da provincia da Coruña van participar oito centros: CPR Liceo La Paz, da Coruña; CPR Plurilingue San José de Cluny, de Santiago de Compostela; IES Fin do Camiño, de Fisterra; IES Eduardo Blanco Amor, de Culleredo; CPR Plurilingüe Peñarredonda, da Coruña; CPR Obradoiro, da Coruña; CPR Ntra. Sra. del Carmen, de Betanzos e CPR Plurilingüe Compañía de María, da Coruña.
Os centros que participan da provincia de Lugo son tres: IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz; IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos, e IES Ánxel Fole, de Lugo. De Ourense, pola súa banda, repite participación o CPR Santa María Maristas e incorpórase o CPR Santo Ángel. Por último, da provincia de Pontevedra participan cinco centros: CPR Las Acacias; CPR Plurilingüe Montecastelo; e IES Carlos Casares, de Vigo; IES Manuel García Barros, de A Estrada; e CPR Eduardo Pondal, de Cangas.
Dos 18 centros educativos seleccionados (sete públicos, un privado e 10 concertados), 16 repiten doutras edicións e catro deles participaron en todas as edicións do certame. O 61% están situados en contornas urbanas, mentres que o 39% están situados no rural.
Obxectivos xerais
A través dunha experiencia participativa e estimulante, a Liga Maker Drone persegue os seguintes obxectivos:
- Converter aos estudantes en actores activos nas aplicacións tecnolóxicas, estimulando o seu interese, creatividade e autonomía.
- Sensibilizar aos alumnos sobre a relevancia da tecnoloxía, facilitando o seu uso na aula para a súa utilización en asuntos da vida cotiá.
- Contribuír á orientación profesional dos estudantes da ESO, mediante a exposición práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións. Na pasada edición, o alumnado con interese nas carreiras STEM pasaron do 54% ao 83% tras participar na competición.
- Difundir o coñecemento tecnolóxico dun xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa mediante o uso de novas formas participativas na aula.
- Contribuír á educación científico-técnica da sociedade, mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.
Unha iniciativa consolidada
A Liga Maker Drone impulsada pola Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG é xa unha iniciativa consolidada que, nas súas tres primeiras edicións, acadou un importante éxito ao reunir a 2.500 asistentes nas súas últimas xornadas de exhibición na Coruña. Dos 18 colexios das catro provincias que competiron para mostrar as solucións que desenvolveron para dar resposta ao reto da Liga, os que se alzaron como equipos ganadores do torneo foron; na primeira edición, o CPR Santa María del Mar, da Coruña; na segunda edición da Liga, o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos; mentres que, na Liga do ano pasado, o equipo que conseguiu levar a cabo a misión en menor tempo foi o IES Carlos Casares, de Vigo.