#ligamakerdrone

Novas

A actualidade da liga

A FUNDACIÓN BARRIÉ E O ITG CENTRO TECNOLÓXICO PRESENTAN A 1ª EDICIÓN DA LIGA MAKER DRONE CO OBXECTIVO DE ESTIMULAR O INTERESE POLA TECNOLOXÍA ENTRE O ALUMNADO DE TERCEIRO CURSO DE ENSINO SECUNDARIO OBLIGATORIO (3º ESO) DE GALICIA

10/06/2021
  • Trátase da primeira competición a nivel autonómico en España que propón o reto de construír un sistema dron enfocado á solución dun problema social particular.
  • O prazo de preinscrición: 10 de xuño – 1 de outubro de 2021.

A Coruña, 10 de xuño de 2021. José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, e Carlos Calvo Orosa, director xeral do ITG Centro Tecnolóxico, presentaron hoxe a 1ª edición da LIGA MAKER DRONE, unha iniciativa pioneira dirixida ao alumnado de terceiro curso de Ensino Secundario Obligatorio (3º ESO) de Galicia. Ámbalas dúas institucións uniron esforzos para afrontar este ambicioso reto educativo e tecnolóxico baseado no uso dos drons co obxectivo último de estimular o interese pola tecnoloxía entre as novas xeracións. Para iso, os equipos participantes terán que dar solución a un problema social concreto que se lles propoñerá. Contarán cun dron, formación e orientación por parte da Organización.

A LIGA MAKER DRONE diríxese ao alumnado matriculado en 3º ESO en calquera centro educativo de Galicia durante o curso 2021-2022. A través dunha experiencia participativa e estimulante, a LIGA MAKER DRONE persegue os seguintes obxectivos:

• Converter os estudantes en actores activos das aplicacións tecnolóxicas. A LIGA MAKER DRONE busca estimular o seu interese, a súa creatividade e a súa autonomía.

• Concienciar o alumnado da relevancia da tecnoloxía, achegando o seu emprego nas aulas para o seu uso en cuestións da vida diaria.

• Contribuír á orientación profesional do alumnado de ESO a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.

• Diseminar o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materias complexas mediante o uso de novas formas participativas dentro da aula.

• Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.

«A educación foi a pedra angular da Fundación Barrié desde a súa constitución hai xa máis de medio século. Desde entón, o obxectivo permaneceu sendo o mesmo pero as nosas actuacións fóronse adaptando aos tempos e ao progreso tecnolóxico para seguir adiantándonos ás necesidades e aos retos da nosa sociedade».

José María Arias Mosquera
Presidente da Fundación Barrié

«A tecnoloxía e a innovación son o motor que impulsa a actividade do ITG Centro Tecnolóxico desde a súa creación no ano 1991. Somos Centro Tecnolóxico Nacional de referencia en dixitalización industrial, en sistemas aéreos non tripulados e en solucións relacionadas co medio ambiente e a sostibilidade. Especialistas en xerar e transferir coñecemento, en crear valor en Galicia e desde Galicia».

Carlos Calvo Orosa
Director xeral do ITG Centro Tecnolóxico

O prazo de preinscrición será desde o 10 de xuño ata o 1 de outubro de 2021. A LIGA MAKER DRONE desenvolverase entre outubro de 2021 e maio de 2022.

As prazas están limitadas a 18 equipos e existirá unha lista de reserva con 5 equipos. Un equipo debe ter un mínimo de 5 e un máximo de 7 integrantes, acompañados de 2 suplentes e 1 coordinador (profesor-titor) que terá un rol activo no desenvolvemento das actividades e do traballo autónomo do equipo.

Entre os criterios de selección, a Organización terá en conta o nivel de integración das TIC no centro solicitante; a materia impartida polo profesor-coordinador; a experiencia previa do profesor-coordinador co manexo de drons, robótica, electrónica e/ou programación; o grao de motivación e a dispoñibilidade do profesor-coordinador para participar na LIGA; e a dispoñibilidade de espazos e medios necesarios para a realización de actividades no centro.

Ao inicio do calendario escolar realízase unha xornada de introdución aos drons dirixida á totalidade do alumnado de 3º ESO dos centros participantes.

LIGA MAKER DRONE (C) 2022. | AVISO LEGAL | POLÍTICA DE COOKIES | POLÍTICA DE PRIVACIDADE