- Os alumnos teñen que resolver o reto de limpar os océanos mediante o desenvolvemento dun sistema dron
A Coruña, 26 abril de 2023. O vindeiro 5 de maio terá lugar no Coliseum de A Coruña a gran final da 2ª LIGA MAKER DRON, impulsada pola Fundación Barrié e o ITG Centro Tecnolóxico co fin de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as novas xeracións.
180 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de 18 centros escolares de toda Galicia van participar nesta xornada de exhibición, na que poñerán a proba as solucións que desenvolveron para resolver o reto desta edición: limpar os océanos con axuda dun sistema dron. Os equipos tiveron 6 meses para deseñar e construír un mecanismo de recollida de residuos, que debe ir instalado sobre o dron que lles facilitou a organización.
A LIGA MAKER DRONE é unha iniciativa pioneira en España, xa que se trata da primeira liga automática escolar de drons na que os participantes deben construír un sistema enfocado na solución dun problema social. Con esta segunda edición, as entidades impulsoras consolidan a iniciativa, que, na súa primeira edición, xa obtivo un importante éxito coa participación de centos de estudantes de toda a comunidade galega, que se enfrontaron ao reto de extinguir un incendio con axuda dun dron que debía levar integrado un tanque de auga. O proxecto persegue catro obxectivos principais:
- Contribuír á orientación profesional dos estudantes cara ás carreiras STEM (polas siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
- Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa que se ten dela, empregando novas formas de participación na aula.
- Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.
- Potenciar entre a mocidade valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo.
II Liga Maker Drone
A organización facilitou a cada equipo un dron, así como a orientación e formación específica en mecánica, electrónica, pilotaxe e oratoria nos seus respectivos centros. Con todo isto, os equipos tiveron que idear, deseñar, construír e programar un sistema que irá instalado sobre un dron co obxectivo de recoller o maior número de residuos mariños e depositalos, no menor tempo posible, nos seus correspondentes colectores (a distintas alturas) a bordo dun barco (simulado) de 30 metros de eslora e 10 metros de altura.
Xornada final
O 5 de maio celebrarase a Xornada de Exhibición e Gran Final na que se poñerán a proba as solucións deseñadas por cada equipo e serán avaliadas por un xurado especializado, formado por entidades como Airbus, Boeing, ENAIRE, Telespazio, UDC, Expodrónica e por Iván Merino, piloto profesional de carreiras de drons e campión de España. Ademais do equipo gañador, haberá catro premios especiais segundo as seguintes categorías:
- Mellor deseño: valorarase a optimización do deseño segundo os requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
- Solución máis disrutiva: valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para a resolución do reto.
- Destreza en voo: valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
- Mellor presentación: valorarase a expresión oral, claridade e creatividade na exposición da solución ao reto.
Tanto nas rondas eliminatorias como na gran final, gañará o equipo que máis residuos deposite nos colectores no tempo marcado pola organización. O equipo que se proclame campión da LIGA MAKER DRONE obterá un trofeo e cada un dos seus integrantes recibirá un kit dron, mentres que os equipos gañadores das distintas categorías recibirán un kit de programación.
18 centros das 4 provincias
As catro provincias galegas estarán representadas polos 18 centros participantes:
Da provincia de A Coruña participan 8 centros: CPR Liceo La Paz, de A Coruña; EFAG Fonteboa, de Coristanco; CPR Montespiño, de Culleredo; IES de Ames, Santiago de Compostela; CPR Eirís, A Coruña; IES Eduardo Pondal, de Ponteceso; CPR Ntra. Sra. del Carmen, de Betanzos; e CPR Santa María del Mar, de A Coruña, gañador da primeira edición.
Os centros que participan da provincia de Lugo son 2: IES do Camiño, de Palas de Rei e IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos.
De Ourense, por outra banda, participan o CPR Divina Pastora e CPR Santa María, Maristas.
Por último, da provincia de Pontevedra participaron 6 centros: IES San Tomé de Freixeiro, de Pontevedra; CPR Las Acacias, de Vigo; IES Antón Losada Diéguez, de A Estrada; IES de Mos; IES Carlos Casares, de Vigo e IES Escolas Proval, de Nigrán.
Información sobre a Gran Final da II Liga Maker Drone
Data e lugar | 5 de maio de 2023 no Coliseum de A Coruña |
Hora | De 10:30 horas a 13:45 horas |
Aceso | Actividade gratuíta aberta ao público |