- Será o 16 de maio no Coliseum, na Coruña
- Os alumnos teñen que resolver o reto de neutralizar niños de velutina mediante o desenvolvemento dun sistema dron.
A Coruña, 30 abril de 2024. O vindeiro xoves, 16 de maio, terá lugar no Coliseum da Coruña a gran final da 3ª LIGA MAKER DRONE, impulsada pola Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG a fin de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as novas xeracións.
170 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de 17 centros escolares de toda Galicia participarán nesta xornada de exhibición, na que poñerán a proba as solucións que desenvolveron para resolver o reto desta edición: neutralizar niños de velutina (ficticios) mediante o lanzamento de cápsulas de insecticida no seu interior. Os equipos tiveron 6 meses para deseñar e construír un mecanismo de recollida de residuos, que debe ir instalado sobre o dron que lles facilitou a organización.
A LIGA MAKER DRONE é unha iniciativa pioneira en España, dado que se trata da primeira liga autonómica escolar de drons nas que os participantes deben construír un sistema enfocado á solución dun problema social. O proxecto persegue catro obxectivos principais:
- Converter os estudantes en actores activos en aplicacións tecnolóxicas, estimulando o seu interese, creatividade e autonomía.
- Sensibilizar os alumnos sobre a relevancia da tecnoloxía, facilitando o seu emprego na aula para o seu uso en asuntos da vida diaria.
- Contribuír á orientación profesional do alumnado de ESO a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
- Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa mediante o uso de novas formas participativas na aula.
- Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polos estudantes.
III Liga Maker Drone
A organización facilitou a cada equipo un dron, así como orientación e formación específica en mecánica, electrónica, pilotaxe e oratoria nos seus respectivos centros. Con todo iso, os equipos tiveron que idear, deseñar, construír e programar un sistema que irá instalado sobre un dron co obxectivo de resolver o reto desta edición: neutralizar niños de velutina (ficticios) mediante o lanzamento de cápsulas de insecticida no seu interior.
Xornada final
O 16 de maio de 2024 celebrarase a Xornada de Exhibición, na que se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo. Tanto nas roldas eliminatorias como na gran final, gañará o equipo que máis niños de velutina neutralice no tempo marcado pola organización. O equipo que se proclame gañador da LIGA MAKER DRONE obterá un trofeo e cada un dos seus integrantes recibirá unha medalla e un kit dron. Todas as solucións serán avaliadas por un xurado especializado, que outorgará tamén 4 premios adicionais segundo as seguintes categorías:
- Mellor deseño:, valorarase a optimización do deseño segundo os requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
- Solución máis disrutiva: valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para a resolución do reto.
- Destreza en voo: valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
- Mellor presentación: valorarase a expresión oral, claridade e creatividade na exposición da solución ao reto.
Os equipos gañadores en cada unha destas 4 categorías recibirán unha medalla e un kit de programación.
17 centros das 4 provincias
Os dezasete centros que están a participar están distribuídos nas catro provincias galegas. Da provincia da Coruña van participar 8 centros: CPR Liceo La Paz, da Coruña; CPR Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela; CPR Montespiño, de Culleredo; IES Eduardo Blanco Amor, de Culleredo; CPR Plurilingüe Peñarredonda, da Coruña; CPR Obradoiro, da Coruña; CPR Ntra. Sra. del Carmen, de Betanzos e CPR Plurilingüe Compañía de María, da Coruña.
Os centros que participan da provincia de Lugo son 2: IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz e IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos. De Ourense, por outra banda, repiten participación o CPR Divina Pastora e o CPR Santa María Maristas. Por último, da provincia de Pontevedra participan 5 centros: CPR Las Acacias; CPR Plurilingüe Rosalía de Castro; IES de Teis e IES Carlos Casares, de Vigo; IES Manuel García Barros, da Estrada; IES Plurilingüe Santiago Apóstol, de Ponteareas.
Información sobre a Gran Final da III Liga Maker Drone
Data e lugar | 16 de maio de 2024 no Coliseum da Coruña |
Hora | De 10:30 horas a 14:00 horas |
Acceso | Actividade gratuíta aberta ao público |
Unha iniciativa consolidada A LIGA MAKER DRONE, impulsada pola Fundación Barrié e polo ITG é xa unha iniciativa consolidada que, nas súas dúas primeiras edicións, cultivou un importante éxito ao congregar, nas súas xornadas de exhibición final na Coruña, a 2 500 asistentes. De centros escolares das catro provincias que competiron para amosar as solucións que desenvolveron para responder ao reto da Liga, os que se alzaron como equipos gañadores do torneo foron: na primeira edición, o CPR Santa María del Mar, da Coruña e, na segunda edición da Liga, o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos, que conseguiron levar a cabo a misión no menor tempo.