#ligamakerdrone

Novas

A actualidade da liga

130 ESCOLARES DE GALICIA PARTICIPAN NA 1ª LIGA MAKER DRONE DA FUNDACIÓN BARRIÉ E DO ITG CENTRO TECNOLÓXICO

19/11/2021
  • Terán que resolver o reto de deseñar e programar un dron para axudar a combater incendios.

A Coruña, 19 de novembro de 2021. A Fundación Barrié e o ITG Centro Tecnolóxico reuniron esta mañá a preto de 130 estudantes de terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) dos 18 centros escolares de Galicia que foron seleccionados para participar na 1ª Liga Maker Drone.

A directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, e o responsable de I+D da división de drons de ITG, Jorge Seoane, inauguraron unha xornada na que se definiu o reto que os escolares van ter que resolver entre os meses de febreiro e maio, tras recibir a formación específica que se impartirá en cada un dos centros. Trátase, polo tanto, dun ambicioso reto que ten como fin último a estimulación do interese pola tecnoloxía entre as novas xeracións.

En concreto, os equipos participantes terán que idear, deseñar e programar un dron que sexa capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, á planta dun edificio no que haxa un incendio para contribuír á súa extinción. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselle un dron, formación e orientación por parte da Organización.

No transcurso da xornada os enxeñeiros de ITG impartiron unha primeira formación sobre intelixencia artificial aplicada a drons, unha das principais áreas de investigación do centro tecnolóxico. O alumado, ademais, puido ver en primeira persoa aplicacións reais de drons nas que traballa o centro tecnolóxico. Así mesmo, a xornada contou coa intervención dun formador da Asociación de Bombeiros de Galicia, quen relatou a súa experiencia no uso de drons en Galicia.

A partir de agora, os alumnos participantes recibirán unha formación tecnolóxica que se vai estruturar en tres sesións sobre manipulación de ferramentas e materiais, nocións básicas de electrónica, programación, soldadura, conectores e funcionamento de mecanismos.

Unha vez rematada esta formación, os equipos traballarán nos seus respectivos centros educativos, de xeito autónomo, no reto tecnolóxico proposto.

18 centros das 4 provincias

Os dezaoito centros que están a participar están distribuídos nas catro provincias galegas.

Da provincia de A Coruña participaron nove centros: CPR Plurilingüe Montespiño, CPR Nuestra Señora del Carmen Betanzos, IES Fin do Camiño, CPR Manuel Peleteiro, CPR Plurilingüe Liceo La Paz, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, CPR Plurilingüe Salesiano San Juan Bosco, IES Plurilingüe Rosalía de Castro e CPR Santa María del Mar.

Os centros que participan da provincia de Lugo son tres: IES Ánxel Fole, IES Francisco Daviña Rey e CPI Dr. López Suárez.

De Ourense, pola súa banda, participa o CPR Plurilingüe Santa María – Maristas.

Por último, da provincia de Pontevedra participaron cinco centros: CPR Plurilingüe Montecastelo (Vigo), IES da Illa de Arousa, CPR Eduardo Pondal – Cangas, CPR Santiago Apostol Soutomaior e IES de Teis.

Xornada final

En maio de 2022 celebrarase a Xornada de Exposicións, na que se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo, que serán avaliadas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:

  • Premio ao equipo gañador da competición: Esta categoría resolverase en modalidade torneo, na que os equipos competirán simultaneamente para levar a cabo correctamente a misión definida no desafio no menor tempo posible.
  • Premio ao mellor deseño: Nesta categoría, valorarase a optimización do deseño segundo os requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
  • Premio á solución máis disrutiva: Nesta categoría, valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para resolver o desafío.
  • Premio á habilidade en voo: nesta categoría, valoraranse as habilidades de pilotaxe de drons.
  • Premio especial do público á mellor presentación segundo expresión oral, claridade e medios gráficos empregados para a exposición.

Obxectivos xerais

A través dunha experiencia participativa e estimulante, a LIGA MAKER DRONE persegue os seguintes obxectivos:

  • Converter os estudantes en actores activos en aplicacións tecnolóxicas, estimulando o seu interese, creatividade e autonomía.
  • Sensibilizar o alumnado sobre a relevancia da tecnoloxía, facilitando o seu uso na aula para o seu uso en asuntos da vida diaria.
  • Contribuír á orientación profesional do alumnado de ESO a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
  • Difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa mediante o uso de novas formas participativas na aula.
  • Contribuír á educación científico-técnica da sociedade mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polos estudantes.

LIGA MAKER DRONE (C) 2022. | AVISO LEGAL | POLÍTICA DE COOKIES | POLÍTICA DE PRIVACIDADE